Aqura
TÍTULO DURACIÓN DISPOÑIBLE EN

Coma Villanelle (Single)

Agarda No Horizonte (Pedro e Inês)

A Luz Prendida - A Luz Prendida

Falan de Ti - A Luz Prendida

Canción Legüera - A Luz Prendida

Casandra - Casandra

O Fío Do Que Pendo - Casandra

MJ Pérez - A Peza Solta

MJ Pérez é unha das voces do panorama actual da música galega. Inicia o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 200 concertos por toda Galicia e tamén Portugal. Suma xa catro álbums, diversos singles e colaboracións con artistas como CRUA (PT). Estivo presente en festivais e nos principáis circuítos musicais de Galicia. En 2021 recibe o Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Canción de Autor.

María José, nada en Arzúa, é unha cantante e compositora galega actual. Aprende a tocar a guitarra aos 14 anos e ao pouco tempo compón os seus primeiros temas. Mais non é ata o 2014 que inicia a sua actividade como artista.

Un ano antes, no 2013, MJ participa nun obradoiro de poesía impartido por Yolanda Castaño que marca un punto de inflexión no seu camiño. É neste momento cando a autora comeza a compoñer dun xeito máis activo e únicamene en galego. Alén disto, alí coñece a figuras como Mercedes Leobalde, Luisa Abad ou Lidia Bao... coas que colaborará tempo despois.

MJ desenvolve así a súa faceta musical á par que a súa formación académica, graduouse en Comunicación Audiovisual (UDC) e fixo o Mestrado de Produción e Xestión Audiovisual (MPXA). É por isto, que entre outras cousas, a artista é moi activa no eido da comunicación e do audiovisual. Produce os seus propios videoclips, dos que varios foron seleccionados en diferentes festivais de cine galecos como o Festival de Cans, o OUFF de Ourense ou o Curtas Armadiña.

Participa tamén en diferentes proxectos: compón a música para a peza audiovisual “Ao Vento” (da que é coautora), colabora no documental “Vieiros de Esperanza” centrado en Carvalho Calero. Intervén tamén noutras pezas audiovisuais desempeñando a produción e outras labores.

MJ inicia o seu percorrido con "Ollos que non ven, síntoma de cegueira", un álbum auto-editado de 10 temas que a artista compartía a través da rede, na plataforma Bandcamp, a medida que gravaba. Deste xeito, foi un proxecto que se prolongou no tempo. Da man deste traballo chegaron as primeiras actuacións en diversos recitais de forma puntual.

É no 2014 cando MJ inicia a súa actividade dun xeito máis firme, chegando a rematar o ano con máis de 15 concertos en diferentes puntos de Galicia. Acompaña a Mercedes Leobalde nas diversas presentacións do seu libro de poemas “Chamádeme Eva”. Máis adiante fará o mesmo coa súa obra “Funambulistas”.

O punto máis destacable deste momento para a artista foi a súa participación no “I Certame de Canción de Autor en Galego” organizado polo Concello de Teo, do que foi finalista xunto con outros artistas coma Nastasia Zürcher, Sofía Espiñeira ou Alba María.

O ano 2015 foi un momento de impulso para MJ, xa que comezou cun novo disco baixo o brazo: "Guerrilleira" do que fixo un concerto especial de adianto en Linda Rama (Coruña) e que sacou á luz oficialmente o 25 de xullo dese mesmo ano.

A artista experimenta unha evolución non só na súa música, se non que tamén no seu percorrido posto que nese ano aumenta o número de concertos e chega a estar presente en festivais como o Noroeste Pop Rock.

No 2016, continúa a xira "Guerrilleira", levando o álbum por toda Galicia e crea dous novos formatos: a banda e o dúo actústico. Remata o ano acadando o segundo posto no VII Concurso Musical da Deputación da Coruña (hoxe denominado Premio Narf da Música) xunto con grupos como Bala, The Trunks ou Jamie Fifthring.

Tamén presenta o videoclip e single "A Peza Solta" coa colaboración da poeta coruñesa Lidia Bao e coa colaboración de toda a súa banda na gravación do tema en estudio.

En 2017, MJ continúa complementando a habitual xira de concertos coa participación no mundo da poesía: acompaña a Luisa Abad en diversas presentacións do seu poemario "Limaduras de Prata".

Neste momento, MJ acaba de presentar o seu terceiro traballo discográfico: "Casandra", o seu primeiro álbum de estudio que marca un punto de inflexión na súa traxectoria. Trátase dun álbum que une diferentes estilos e que destaca non só pola evolución musical da artista, senón tamén pola participación da súa banda e de colaboracións especiais como son: Serj, Martiño Cabarcos, Ailén Kendelman, Paco Cerdeira e Richi Casás.

MJ remata o ano como gañadora do Xuventude Crea 2017 na categoría musical.

Con "Casandra" MJ inicia unha xira longa dende finais do 2017 ata finais do 2019, ano no que resulta finalista dos Premios Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autor/a. A cantautora continúa sumando retos á súa andaina: dá os seus primeiros concertos en Portugal, comeza a amosar o seu traballo ao outro lado do Miño e por fin consegue facer realidade o desexo de crear o seu primeiro tema en portugués: Vai Embora!.

Neste mesmo ano, polo día de Rosalía (24 de febreiro), MJ fai unha "pequena falcatruada" da que nunca pensou as consecuencias... decidiu facer o experimento de xuntar "ás dúas Rosalías": Rosalía de Castro e Rosalía (trá-trá) a cantante. Isto deu como resultado "Malaxente", un vídeo no que MJ canta fusionando o poema "Castellanos de Castilla" co tema "Malamente". O vídeo fíxose viral, superando as 145mil reproducións en Facebook e as 22mil en Youtube. Boa conta disto deu a prensa tanto a nivel galego coma nacional. A peripecia culmina co premio Youtubeir@s 2019 á "Eficiencia Comunicativa".

MJ inicia o 2020 presentando o seu cuarto álbum "A Luz Prendida", un disco de 15 temas (o máis longo da autora ata o momento) que marca un claro cambio de rumbo na música da cantautora arzuá, mantendo a esencia, mais cunha clara presenza de ritmos latinos e música de raíz. Recibiu o Premio Martín Códax da Música Galega en 2021, logo de ser finalista no 2019 e no 2020 consecutivamente. Foi no mesmo ano que resultou finalista dos Premios Opinión da Música de Raíz con Vai Embora! como mellor tema orixinal. Tamén foi finalista dos Premios aRi[t]mar ata en 4 ocasións.